Benvidos a nosa Biblioteca, un lugar de maxia, ilusión e fantasía...

mércores, 30 de novembro de 2016

A árbore de Klimt no Nadal

Pois non nos equivocabamos e mirade que bonita está quedando a nosa árbore de Klimt. Se premedes nas imaxes, poderedes ver máis fotos.

Novidades

 Estes novos títulos xa vos están esperando nos andeis da biblioteca!

domingo, 27 de novembro de 2016

A Árbore da vida de Klimt

Comezamos a preparar o Nadal, e dende a biblioteca a nosa proposta é encher as ramas da "Árbore da vida" de Klimt con bolsas de papel decoradas para a ocasión por cada un dos nenos. Así pois púxemonos mans á obra e comezamos a debuxar e colorear a nosa particular "árbore". Proximamente veremos o resultado final, que promete ser espectacular!!


AQUÍ máis fotos!

martes, 15 de novembro de 2016

Unha nova Mascota

Un novo personaxe vainos acompañar nas nosas andanzas da Biblioteca. Será a nosa mascota. Para que sexa "oficial" cómpre identificala cun nome e un "retrato". Pois nesta tarefa estiveron traballando todos os nenos do cole estes días (dende Infantil ata Primaria). A "misión" era retratar a este personaxe que veu para quedarse con nós e dotalo dun nome axeitado. Nas imaxes podedes ver a exposición cos traballos (premede nelas e veredes máis fotos). E mañá será o gran día! Todos os nenos poderedes votar e elixir o deseño que máis vos guste. Xa vos informaremos!





Composicións escritas do Samaín

Xa fai uns días que celebramos o samaín e non queríamos deixar de facer mención a unha das actividades que se propuxeron dende a Biblioteca. Botando man da escritura creativa propuxemos a creación de contos, historias ou calquera outro texto relacionado coa data. A resposta non se fixo esperar e o resultado foron uns contos titulados "Aquí non hai quen viva" e diferentes composicións escritas con conxuros ou meigallos para todo tipo de "doenzas" e "males".  Houbo mencións especiais ás máis orixinais, bonitas e asquerosas. Outros "artistas" decantáronse por describir a unha bruxa...
Se premedes nas imaxes veredes máis fotos.



mércores, 9 de novembro de 2016

xoves, 3 de novembro de 2016

Coñecendo a Frida

Aproveitando a celebración do Samaín os nenos de 4 anos comezan o seu proxecto de arte, e nada mellor para coñecer a Frida que facer...

O día dos Mortos na casa de Frida Kahlo


No último día de outubro de 1945, había na casa onde Frida Kahlo vivía co seu marido Diego Rivera, moito traballo. Ao día seguiente, comezaba unha das festas máis populares de México, o “Día dos mortos”.

As raíces desta tradición son moi antigas. O culto á morte en México practicábase moitos séculos antes da chegada dos españois, dende o 1800 a.C. No calendario azteca o Tonalámatl, podemos observar que nos dezaoito meses que compoñen este calendario había polo menos seis festexos adicados aos mortos. Deles, os dous máis importantes celebrábanse no noveno mes o Micailhuitontli, que significa “a festa dos nenos defuntos” e no décimo mes, chamado Hueymicáilhuitl, a conmemoración dos mortos adultos.
No pobo de Coyoacán, onde vivía Frida, as celebracións do Día de Mortos duraban tres días.
Os preparativos comezaban o día 31 de outubro. Frida encargábase de cociñar o menú favorito da súa nai, Dona Matilde. Os mexicanos cren que os mortos da familia regresan o 2 de novembro para disfrutar do seu corpo. Pola tarde Frida fai as caveiras de azucre e despois decoran o altar cos esqueletos pequenos, figuras de azucre, caveiras e coas flores de campasúchil. Na noite do 30 de outubro, Frida recolle estas flores, que simbolizan o resplandor do sol, no seu xardín. Coas súas cores brillantes, repartidas pola mesa, estas flores saúdan aos “pequenos anxos” no seu retorno ao mundo dos mortais.
O 1 de novembro, Frida pon á mesa de sacrificio os alimentos para os nenos mortos: as tazas con atole, os pratos con frixoles, as especias, froitas e algúns doces. Pola noite, os nenos do Coyoacán saen ás rúas a pedir a súa “calaverita” (unha especie de aguinaldo) berrando: " A caveira ten fame, non hai un panciño por ahí?”
O día seguinte adícase aos mortos grandes, isto é, aos adultos. No altar, Frida pon dúas caveiras grandes cos nomes de Matilde e Guillermo (os seus pais mortos), o do seu marido Diego, así como, os dos seus amigos e parentes tanto os vivos coma os mortos.
Un detalle moi importante son as fotografías no altar dos mortos a quen se está honrando. Pola mañá, Frida coloca un cadro da súa nai nun sepulcro pequeno. Durante todo o día, a familia cociña as comidas máis tradicionais: atole con chocolate, tortillas con chile, mole vermello e mole amarelo, tamais con follas de plátanos e outras golosinas como froitas, botellas de aguardente e cervexa e caxetillas de cigarros.
Pola noite, os rapaces do pobo Coyoacán, aos que se coñece como “gracejos”, bailan ao compás de guitarras, ferreñas, acordeóns, tambores, frautas e silbatos, visitando casa por casa. En todas elas, colócanse cruces de flores de campasúchil.
O día seguinte, se coñece como día dos Responsos. Frida e a súa familia visitan aos mortos no panteón, limpan as tumbas e levan pan, café e chocolate aos compañeiros da igrexa. Así, celebra Frida Kahlo o Día dos Mortos en 1945. Durante aqueles tres días, a casa azul convírtese nun lugar místico. A celebración do “ Día dos Muertos” era para Frida e moitos outros mexicanos un tempo de recordar aos seres queridos que morrreron e unha maneira de sentirse aínda en contacto con eles.
Dado que estas son as datas que nos ocupan, non podíamos deixar de traballar a figura de Frida . Nesta fotos podemos ver o resultado das obras dos peques de catro anos do cole. Pero iso non é todo, os compañeiros de tres anos colaboraron tamén nesta actividade do proxecto.

        
                          





luns, 31 de outubro de 2016

Xogamos co cartel!

Invitámosvos a que pasedes un rato divertido xogando co puzzle do cartel que fixestes entre todos. Tedes distintas dificultades e ferramentas que vos axudan a resolvelo, como un fantasma que vos indica onde van as pezas e ademais podedes poñelos a pantalla completa. Esperamos que vos guste!

domingo, 30 de outubro de 2016

Día da Biblioteca.


Dende 1997 conmemórase cada ano o Día das Bibliotecas en recordo da destrucción da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflicto Balcánico.
"Biblioteca escolar _Territorio das Artes" é o lema escollido para a celebración deste ano, e MINIA REGOS a creadora convidada a interpretar este lema. A súa obra encantounos e decidimos facer unha réplica ao grande do seu cartel, de tal maneira que cada neno pintase un anaco do mesmo formando un enorme "puzzle" que colocamos no taboleiro da entrada. O resultado foi este. AQUÍ podedes ver tamén as fotos.

Slidely Photo Gallery

Pintores e pinturas...

O noso proxecto deste ano quixémolo adicar ao mundo dos pintores e das súas obras. A nosa sorpresa foi descubrir que este ano o "Día da Biblioteca" adícase precisamente ás artes, co lema: "Biblioteca, territorio das artes". Así pois emprendemos esta aventura escollendo cada clase un pintor ou pintora para traballar ao longo do ano. Aquí tedes a relción dos artistas que traballará cada curso:
          - 3 anos: Kandinsky
          - 4 anos: Frida Kahlo
          - 5 anos: Salvador Dalí.
          - 1º E. P: Paul Klee
          - 2º E.P: Vicent Van Gogh
          - 3º E.P: Joan Miró
          - 4º E.P: Eduard Munch
          - 5º E.P: Andy Warhol
          - 6º E.P: Gustav Klimt

Comezamos un novo curso!

Xa fai unhas semanas que comezou o novo curso 2016/2017, e un dos moitos proxectos que tiñamos previstos era o de poñer en marcha este blog da nosa biblioteca. Nel darémosvos conta de todas as actividades que se fan desde a biblioteca e que non merecen quedar só en papel ou na nosa memoria. Queremos compartilas co mundo! Porque as facemos con moita ilusión e queremos que perduren, e como non, que poidan servir de inspiración para moitos compañeiros. Así pois, hoxe por fin ve a luz o noso blog BIBLIOARBOTECA.  Esperamos que todo o que vos atopedes por aquí sexa do voso agrado.